O evento, organizado pola asociación Gaming Troop e o Concello de Pontevedra, celebrarase o 26 e 27 de agosto no Recinto Feiral
O pasado verán, a Lérez Up reuniu a máis de 3.500 persoas na súa primeira edición. O Recinto Feiral de Pontevedra encheuse de apaixonados da cultura xaponesa, dos videoxogos, do manga e do anime, que se achegaron para participar en charlas, talleres e diferentes competicións.
Nesta segunda edición, os fans dos videoxogos poderán volver combater en torneos de afamados xogos como o League of Legends ou o Valorant, acompañando á que xa foi unha das súas actividades estrela: o nacional de Smash Bros. Ultimate. Un torneo que o ano pasado achegou a máis de 115 competidores de toda a península e Portugal.
Para os afeccionados ó cosplay, contarán tamén cun concurso onde se premiará á mellor caracterización dunha personaxe, valorando a súa actuación, vestimenta e representación. O xurado impartirá charlas sobre o mundo do cosplay, como técnicas para iniciarse a este ámbito ou consellos para mellorar as súas habilidades de costura e maquillaxe.
Así mesmo será un espazo para pequenos artistas e artesáns que queiran mostrar as súas obras na zona de stands, que o ano pasado deu visibilidade a máis de 55 creadores galegos.
Este punto de encontro anual contará, de novo, coa presenza de diferentes asociacións e empresas de recente creación que ofrecerán un abanico de actividades para ó público: karaoke, xogos de mesa, jugger, máquinas arcade, xogos indie e máis.
Coa segunda edición, espérase que este salón continúe atraendo aos entusiastas dos videoxogos e da cultura friki de toda a rexión, prometendo superar as expectativas e converterse nun referente no calendario de eventos de Pontevedra.
O compromiso de ofrecer unha ampla variedade de actividades, desde competicións de alto nivel ata a promoción de artistas locais e a interacción con diferentes asociacións e empresas, reforza a importancia da Lérez Up como un evento inclusivo e en constante crecemento.