Pontevedra acollerá o vindeiro 9 de maio unha xornada especial que servirá como antesala da quinta edición da Lérez Up. Baixo o nome Á beira da Lérez Up, a Casa da Luz converterase nun espazo aberto ao público onde se poderá gozar dunha pequena mostra do que ofrecerá o Salón do videoxogo e da cultura friki en setembro.
Organizada pola asociación Gaming Troop, esta iniciativa nace co obxectivo de achegar o evento á cidadanía nun formato máis reducido e familiar, combinando lecer, participación e emprendemento arredor do mundo dos xogos e da arte, destacando a presentación de “Me importa un dedo” un xogo de mesa feito por membros da asociación do centro xuvenil La Estación.
A xornada contará cunha programación variada na que haberá zona de videoxogo libre, torneo de Super Smash Bros Ultimate con inscripción previa, partidas de Magic, xogos de mesa, postos de artistas, realidade virtual, simracing e actividades para o público infantil, entre as que se inclúe a posibilidade de pintar o cartel por parte dos máis pequenos.
O evento desenvolverase en horario de 11:30 a 20:00 horas, con entrada libre ata completar aforo. Os horarios detallados de cada actividade anunciaranse proximamente a través das redes sociais da asociación Gaming Troop e da propia Lérez Up.
Como parte da xornada, entre as persoas asistentes que participen nas actividades realizarase o sorteo dunha entrada para dúas persoas para a quinta edición da Lérez Up, que se celebrará os días 12 e 13 de setembro no Recinto Feiral de Pontevedra.
Á beira da Lérez Up contará tamén coa participación de artesáns, comercios locais e pequenas asociacións, configurando un espazo de encontro que reforza a conexión co tecido local e a comunidade.
Esta iniciativa permitirá ofrecer un adianto do ambiente e das propostas que caracterizan a Lérez Up, consolidando este encontro como unha cita en crecemento dentro do panorama cultural da cidade.
NOTA: Os postos de artista xa están pechados.
