A segunda edición organizada pola asociación Gaming Troop e o Concello de Marín repítese un ano máis no Pavillón da Raña
Este outono o II Marín Gaming Fest reunirá de novo a centos de apaixonados dos videoxogos e da cultura xaponesa, os días 15 e 16 de outubro no Pavillón da Raña de Marín. O evento contará con novidades na súa programación e actividades que triunfaron na primeira edición.
Os fans dos videoxogos poderán combater en diferentes torneos como o do League of Legendsou Smash Bros. Ultimate, con máis de 600€ de premio total. O espazo contará ademais con consolas para xogo libre e pequenos torneos de xogos populares como Mario Kart, Fifa 22, Fall Guys ou Fortnite.
Nesta edición non podería faltar unha das actividades principais que na primeira edición encheuse de participantes: o concurso de cosplay. Os 50 participantes máis habilidosos en costura, patronaxe e interpretación competirán para demostrar quen ten a caracterización máis orixinal e fiel ó seu personaxe.
Tamén haberá, como o ano pasado, un lugar de stands para creadores independentes (artistas, artesáns, ilustradores, asociación…), charlas, talleres e unha zona de Simracing. Unha zona de Realidade Virtual, unha zona de Jugger e un concerto do artista Yell0 serán as novas actividades que completarán a programación desta segunda edición do Marín Gaming Fest.